28/05/11

O Consello Nacional do BNG acorda abrir un proceso de reflexión coma o demandado polo EI

O Encontro ve necesaria a refundación do BNG coa reafiliación previa de todas as persoas nacionalistas e nun proceso aberto tamén á sociedade.

Beiras: "Se nos quedamos en analizar as eleccións miramos ao dedo e non á Lúa."

Confiamos que o acordo do Consello Nacional de abrir este proceso previo constituíndo unha Comisión Aberta, sen condicionantes e sen prexulgar cal será o seu punto de chegada para o debate destas cuestións, recolle o fundamental do que o EI considera imprescindíbel: unha fonda reflexión sobre a situación do BNG e do nacionalismo previa a calquera convocatoria dunha Asemblea Nacional.
O Encontro Irmandiño tiña solicitado dende o Consello Nacional do BNG do mes de marzo, e remitido ao celebrado hoxe día 28 de maio, unha proposta de abrir un debate no seo da organización para a rexeneración e recuperación da democracia interna e a resintonía coa sociedade cada vez máis desafecta do Bloque.
A nosa proposta incluída na orde do día é do teor que segue:
ANÁLISE, VALORACIÓN E MEDIDAS A TOMAR PARA REXENERAR O BNG E RECUPERAR A SÚA FUNCIÓN COMA REFERENTE POLÍTICO PRIMORDIAL PERANTE A SOCIEDADE GALEGA.
"O Consello Nacional do BNG acorda abrir sen máis dilación un proceso para a rexeneración da fronte con feitos e medidas concretas que amosen abrir o BNG á sociedade, reintegrándoo como condición previa aos milleiros de xentes nacionalistas de dentro e ás excluídas por expulsión, sectarismo ou cansazo de aturar unhas relacións internas insoportábeis, devolvendo a capacidade de decidir á militancia, recuperando a democracia horizontal e a participación directa, e unha posta ao servizo de todos e todas o aparello burocrático da organización hoxe ao servizo reprodución dunha casta de poder na dirección".
Confiamos que o acordo do Consello Nacional de abrir este proceso previo constituíndo unha Comisión Aberta, sen condicionantes e sen prexulgar cal será o seu punto de chegada para o debate destas cuestións, recolle o fundamental do que o EI considera imprescindíbel: unha fonda reflexión sobre a situación do BNG e do nacionalismo previa a calquera convocatoria dunha Asemblea Nacional.
Lembremos que para o EI esta deberá ser aberta, é dicir sen delegados, e cun proceso previo de reintegración das xentes nacionalistas como referimos na nosa proposta de acordo antes citada.
Como o EI ten aprobado na súa III Asemblea Nacional do mes de febreiro, para a reconstrución da unidade do nacionalismo consideramos que:
"...é necesario un referente de político para o que todos somos necesarios e ao que queremos incorporar a longa traxectoria do nacionalismo nas súas distintas etapas históricas, queremos, iso si, recuperar os valores de esquerda, cidadáns, democráticos e republicanos da participación, horizontalidade e democracia participativa.
A urxencia de lle facer fronte á ditadura do capital financeiro e á brigada de demolición de San Caetano, esixe xa un movemento político en sintonía coa sociedade, coa forza da cidadanía organizada, e non pode agardar máis.
No que atinxe ao BNG, o EI pulará pola rexeneración da fronte coa condición de que se acepte abrir o BNG á sociedade, reintegrándoo aos milleiros de xentes nacionalistas de dentro e ás excluídas por expulsión, sectarismo ou cansazo de aturar unhas relacións internas insoportábeis, e que se desarme o aparello burocrático ao servizo da dirixencia."
Andamos niso, porque como dixo Xosé Manuel Beiras hoxe no Consello na súa longa e interesante intervención referindo que o importante é o que está pasando no BNG e a súa incapacidade para dar resposta ás demandas da cidadanía: "Se nos quedamos só en analizar as eleccións miramos ao dedo e non á Lúa"
O proceso aberto hoxe no Consello Nacional so servirá se remata na participación e decisión directa e efectiva da base social do BNG.

Sem comentários:

Enviar um comentário