26/05/11

O Encontro Irmandiño valora moi negativamente o resultado das municipais do 22-M.

Porque a perda de apoio electoral do BNG en mais de 54.000 votos, unha vez máis, lévao a unha situación límite. Porque o castigo ao PSOE, fundamentalmente pola súa política económica, non produce trasvase ao BNG. Porque o avanzo do PP constitúe unha auténtica "réplica" do sismo das autonómicas de 2009 e pon nas mans da reacción moito poder municipal.

Reunida a Coordinadora Nacional do Encontro Irmandiño acordou facer pública a súa valoración dos resultados das Eleccións Municipais.
Como non pode ser doutro xeito tras a perda, unha vez máis, dun monto importante de apoio electoral ao BNG valoramos MOI NEGATIVAMENTE este resultado que sitúa á casa común electoral do nacionalismo ao borde do abismo no conxunto do País.
Facemos salvidade, que non nos pode consolar, dos magníficos resultados dalgunhas equipas municipais nacionalistas que conseguen un bo apoio do seu electorado: Teo, Pontevedra, Ribadeo, Tomiño, Bueu, Carballo, etc... son exemplos de que as cousas poderían ter sido mellor.
Estes resultados amosan unha baixada do afecto dos galegos e galegas polo BNG que acada niveis de fonda preocupación. Ninguén cun mínimo de sensatez pode valorar esta situación como "moderadamente satisfactoria".
É especialmente significativo que, salvo excepcións que non fan a regra, se produce unha forte baixada do PSOE; que recibe un castigo do seu electorado, fundamentalmente pola súa política económica antisocial, sen que se produza un transvase de votos ao nacionalismo de esquerda que representa electoralmente o BNG. É a primeira vez que isto acontece.
O significado non pode ser máis perigoso, o nacionalismo de esquerda deixa de ser referente para a esquerda sen adxectivos na Galiza. Esta perda de "hexemonía" do BNG é un grave problema e prende todos os sinais de alarma antes da próxima catástrofe se non se lle pon remedio drástico.
O panorama institucional, salvo os oasis antes comentados, non pode ser máis desolador, a dereita máis reaccionaria que representa o PP de Feijoo ocupando prazas que se lle resistiran historicamente, produce un axuste institucional na Galiza que se corresponde co peor do resultado das autonómicas do 2009: a brigada de demolicións de San Caetano fortemente instalada no poder municipal do País.

Galiza, 25 de maio de 2011
 

Sem comentários:

Enviar um comentário