25/11/11

O BNG pertence á sociedade galega.

O BNG pertence a toda a sociedade galega

No Encontro levamos moito tempo a debullar cales serían os criterios a as medidas precisas para refundar o BNG, cremos que ten que ser un traballo colectivo de todas e todos os que integramos o BNG, pero si unha das premisas que debe ter o novo BNG é a súa apertura á sociedade entendemos que tamén debemos escoitala se estamos a falar dun instrumento político que pretendemos sexa para maioría da sociedade galega.
Nós temos as nosas ideas que a seguido imos referir moi sucintamente pero gustaríanos coñecer que pensades ao respecto e novas ideas para o mesmo fin: un BNG renovado e útil á sociedade galega. Agardamos as vosas opinións e aportes en info@encontroirmandinho.org

A nosa proposta

Galiza precisa un referente político no que confiar

Nesta XIII Asemblea Nacional é prioritario refundar o BNG. O desgaste e desvirtuación que tivo ao longo destes anos fan necesaria unha refundación que poña á nosa organización en condicións de afrontar os novos retos e de asumir ser ese novo referente político que represente á inmensa maioría da sociedade galega que o precisa con urxencia.

Refundar

O BNG precisa reatoparse cos principios fundacionais da Asemblea de Riazor. Trátase de facermos, á luz do ano 11 do século XXI, unha relectura dos Principios que conduciron a unha unidade do nacionalismo que durante 15 anos permitiu avanzar porque levamos á práctica aquilo de que “é máis o que nos une que o que nos afasta”.

Sabemos que a Galiza de hoxe ten mudado moito dende 1982. O peso relativo do campesiñado ten minguado polas políticas de case exterminio e etnocidio do mundo labrego, e na súa medida tamén do mundo mariñeiro. O mundo do proletariado ten mudado, enfraquecido e fragmentado como consecuencia das múltiples e destrutivas 'reconversións' industriais, a terciarización da economía, a precarización do emprego e as sucesivas contrarreformas dos dereitos laborais e sociais. No ámbito empresarial tamén se produciron mudanzas para peor na estrutura e a propiedade do capital, co avanzo na penetración dos monopolios transnacionais de matriz foránea e a absorción ou aniquilación de grupos industriais e institucións financeiras autóctonas, convertendo á inmensa maioría das empresas galegas en empresas asalariadas.

Porén, os principios políticos fundacionais do nacionalismo galego contemporáneo seguen a ser os mesmos e plenamente valedeiros, na medida en que recollen obxectivos estratéxicos non acadados (soberanía do pobo galego como único xeito de autentica democracia, anti-monopolismo, anti-imperialismo, anticolonialismo, antimilitarismo a prol dunha paz mundial), e mesmo están máis vixentes ca nunca e impóñennos hoxe a necesidade de inserírmonos na loita por un cambio sistémico que está a se acometer por redes mundiais de movementos sociais altermundistas e anticapitalistas, e mesmo tamén por diversos estados da periferia do sistema.

Nese contexto, as mudanzas na estrutura social galega non fan menos necesaria a unidade do nacionalismo, mais esíxennos que dende a pluralidade sexamos quen de acoller as diversas lecturas do proxecto común de liberación nacional e social de Galiza. Ningunha clase ou fracción social está hoxe en condicións por si mesma de ofrecer un proxecto válido para a maioría da sociedade e, pola contra, a inmensa maioría social está a padecer a tiránica ditadura dos poderes financeiros e a recolonización de Galiza como nación sometida e espoliada.
  • Galicia é unha nación
  • Democracia
  • Anti-monopolismo e intereses populares
  • Auto-organización
  • Galicia e o colonialismo
  • Anti-imperialismo
  • Paz mundial
  • Modelo social (ao servizo das clases populares e do País)
Son os Principios Fundacionais máis vixentes ca nunca e que non debemos converter en meros enunciados ocos.

Rexenerar

O decurso dos anos levou ao BNG a unha dexeneración da estrutura e da convivencia internas que fai imprescindíbel unha rexeneración que pasa por dar novo pulo aos Principios Organizativos tamén fundacionais:
  • Democracia
  • Carácter asembleario
  • Pluralismo político
  • Maiorías e minorías
  • Liberdade de expresión
  • Dereito á discrepancia pública
  • Estruturación territorial

Só asumindo as responsabilidades políticas desta dexeneración e unha reflexión honrada e seria de todas e todos pode devolver ao BNG a súa primixenia capacidade de traballar cooperando, de respecto mutuo e de servizo ao Pobo que xustifica a nosa existencia. Fora ambicións persoais, miserias cotiáns e rutinas burocráticas.

Medidas orgánicas

As seguintes propostas e medidas son necesarias para a rexeneración da democracia no BNG:
  • Supresión do sistema de delegados/as que so poderá ser modificado no futuro por unha maioría cualificada de 2/3 dos membros do BNG.
  • Todo o poder para a Asemblea Nacional. Dar máis peso político aos membros do CN elixidos na Asemblea Nacional. Os representantes de Partidos, organizacións e colectivos, e representantes Comarcais serán membros do CN con voz e sen voto para non alterar a representación directa da Asemblea Nacional.
  • Os representantes de designación para os consellos locais e comarcais participarán con voz pero sen voto para non alterar a representación directa das asembleas correspondentes.
  • O control e supervisión do censo e das actividades financeiras do BNG e contorna concernente estará, a maiores da administración da organización, a cargo dunha comisión plural de persoas de total discreción e coas debidas garantías de protección dos dados. Esta comisión actuará perante os órganos de dirección a petición destes ou por propia iniciativa.
  • Redimensionamento do persoal de administración que traballará ao servizo de todas/os e adaptada ás necesidades e posibilidades ordinarias da organización.
  • Aplicarase a limitación nas institucións a dous mandatos desde que foi aprobada.
  • A inexistencia dun traballo previo ou unha saída laboral particular prevista aos cargos institucionais nos será desculpara para xustificar os “políticos profesionais”.
  • Evitarase a acumulación actual de representación institucional e “liberados” para o caso da militancia nalgunha das forzas políticas integradas.
  • En aras do pluralismo consubstancial ao BNG, e en evitación de “Santas Inquisicións”, a opinión congruente e razoada dunha minoría en exercicio da liberdade de expresión e do seu dereito á discrepancia pública recoñecida nos principios políticos non poderá nunca ser considerada bloqueo ou boicot ás decisións maioritarias.
  • As persoas que asuman cargos de responsabilidade orgánica deberán ter un recoñecemento interno e público contrastado e de grande aceptación.
Recuperar

Hoxe hai máis “BNG” fóra que dentro: a conversión paso a paso do BNG nunha formación política convencional provocou a conseguinte perda de apoio de sectores progresistas e galeguistas da sociedade e de moitos nacionalistas activos anoxados por políticas sectarias dos últimos anos, que non só provocaron un descenso sostido de apoios sociais e electorais senón que remataron por castrar ao BNG e incapacitalo para comprender á nación á que pretende representar. A incomprensión verbo das mobilizacións dos 'indignados' que a dirixencia do BNG nin entende nin quixo entender, malia que os obxectivos coincidan amplamente con reivindicacións históricas do BNG, ou a guerra sectaria aberta contra o SLG, son dous exemplos claros desta deriva cara a homologación coas peores eivas das forzas políticas convencionais e para soster o profesionalismo político que nos últimos anos adoptou.
Os novos xeitos necesarios para facer política de esquerda nestes tempos, e a recuperación do rol do BNG como instrumento ao servizo da nosa Terra fan preciso un proceso de apertura aos nacionalistas que están fora e á sociedade civil na que están a agromar movementos de rebeldía cívica e emancipación social. Isto só será posíbel cunha recuperación da credibilidade que só se dará se o BNG se “refunda” e “rexenera”. É imposíbel recuperar a confianza para un BNG que non dea signos inequívocos de ter aprendido a lección.

A refundación como proceso

A refundación, a constitución dunha unidade nacionalista incluínte, non remata no acto de clausura dunha asemblea nacional exitosa. A refundación é unha andaina a continuar inmediatamente despois abrindo un proceso incluínte que incorpore a todos os grupos e sectores sociais que asuman os principios políticos da fronte.

Rexenerar sen pactos por arriba.

Reunida onte a Coordinadora Nacional do Encontro Irmandiño acordou facer públicas as seguintes consideracións:

O Bloque precisa unha refundación

Que o BNG precisa unha rexeneración non so foi dito por Xosé Manuel Beiras na rolda de prensa do pasado día 21. Isto foi asumido polo conxunto do Consello Nacional na reunión posterior ás eleccións municipais de maio que non tivo máis remedio que atender o clamor dunha militancia farta e aceptar unha asemblea de refundación coa participación directa de todas e todos os afiliados que o desexen como viña propoñendo o Encontro Irmandiño.

Aos grupos que hoxe convivimos no BNG non nos toca suplantar ao colectivo militante que é quen ten que pensar, expresarse e decidir.

Os resultados electorais nin curan, nin podían curar aínda que fosen outros, o desgaste e desvirtuación que tivo o BNG ao longo destes anos e que fan necesaria unha refundación que poña á nosa organización en condicións de afrontar os novos retos e de asumir ser ese novo referente político que represente á inmensa maioría da sociedade galega que o precisa con urxencia.

Non é o momento de batallitas persoais

Consideramos que a dirección Executiva leva fallándolle ao BNG e ao País e debe dimitir aínda que so falten dous meses para unha nova elección interna, porque xestos como os do Portavoz Nacional que “dimite pero que non dimite” son unha manobra de distracción e confusión para substituír a asemblea por unha campaña electoral interna como a ANE de 2009 que para nada serviu.

Non é momento de falar de portavoces nin de postularse candidatos cando aínda temos pendente outro Consello Nacional o día 17 de decembro de onde sairá a decisión de como facelo.

Que a UPG e contorna vaian apoiar a Guilleme Vázquez nesta finta non aporta nada ao debate de ese BNG tonificado que ten que saír dunha exitosa XIII Asemblea.

Rexenerar sen pactos por arriba

É preciso falar franca e abertamente entre toda a militancia e estabelecer os mecanismos que garantan que o acordado non queda máis unha vez en papel mollado e a burocracia se apropie de novo do BNG.

Galiza 24 de novembro de 2011

22/11/11

Audio da rolda de prensa de Beiras (21-11-2011).

Tirado do site do Encontro Irmandiño (aquí). O Portavoz do Encontro Irmandiño califica o resultado das eleccións do 20-N coa maioría absoluta do PP como un auténtico desastre para a democracia.

Beiras avisa de que a Asemblea de xaneiro será o derradeira oportunidade para rexenerar o BNG e pide sensatez á dirección do mesmo.

Felicítase de que Galiza aínda sega a ter representación nas Cortes do Estado a pesares de que o BNG foi incapaz de “aproveitar” a debacle do PSOE, como tería acontecido noutras ocasións hai anos, e pola contra
baixase 30.000 votos máis.

1ª parte



2ªparte



3ª parte



4ª parte



5ª parte



6ª parte



7ª parte

21/11/11

Comunicado do EI sobre as eleccións xerais do 20-N.

Lamentamos a maioría absoluta da “caverna española” que representa o Partido Popular polo que supón de perigo para os dereitos democráticos e para o benestar das maiorías sociais que van ser duramente agredidas.

Valoramos positivamente que Galicia conserve representación nas Cortes, polo que supón para o noso País cando menos seguir contando con representantes nas instancias estatais, precisamente nun momento no que se produce unha meirande presenza doutras forzas nacionalistas do resto do estado, especialmente das forzas políticas vascas.

Finalmente lamentamos que o BNG, cunha baixada de perto de 30.000 votos, fose incapaz de recoller a sangría que o PSOE tivo pola esquerda e que foron a engrosar os números de Izquierda Unida que duplica a súa forza electoral na Galiza, mentres o nacionalismo, en teoría mellor preparado para recollelos, fica cunha perda de votos significativa polas circunstancias que vimos de referir.

NOTA:

Mañá as 12:30 o Portavoz Nacional do Encontro Irmandiño XM Beiras comparecerá antes os medios no Hotel Virxe da Cerca en Santiago de Compostela para informar sobre a necesaria refundación do BNG na vindeira XIII Asemblea de xaneiro.

11/11/11

COLABORA NO NOSO VOCEIRO: REVOLTA IRMANDIÑA


No Grupo de Traballo de Mocidade do Encontro Irmandiño decidimos dotármonos dun novo instrumento encamiñado a mellorar a nosa formación, a de toda a militancia do Encontro e especialmente das mozas e mozos que simpatizan ou militan no EI. Por iso, imos compor un Consello Editorial para un novo voceiro, Revolta Irmandiña, e máis para o blogue Á revolta entre a mocidade, tentando así gañar en transparencia, calidade e utilidade.

A nosa vontade é que o voceiro da mocidade irmandiña, Revolta Irmandiña, saia en formato dixital unha vez cada mes (e, de cando en vez, algunha edición en papel para ocasións especiais), co primeiro número xa neste mes de novembro. O novo voceiro comezaria así a súa IIIª etapa e contaría coas seguintes seccións (totalmente abertas a ser mudadas e incluídas outras).

SECCIÓNS

i. Editorial.
Do Consello Editorial.

ii. Opinión.
- da Galiza.
- do mundo.

iii. Punto de Encontro.
Reproducimos no voceiro o Punto de Encontro, espazo na web do Encontro Irmandiño (www.encontroirmandinho.org) que é unha extensión da nosa vontade de abrir portas e canles de comunicación entre as xentes preocupadas, ou que simplemente teñen algo que dicir nalgures, sobre a situacións socio-politica do País, do Mundo, sobre o que está a acontecer... O Encontro Irmandiño, polo feito de prestar este espazo, non se fai partícipe dos contidos ou das teses dos traballos remitidos.

iv. Encontro Irmandiño: Galiza soberana e socialista.
Novas do Encontro, explicación dos nosos principios políticos.

v. Coñecermos os clásicos.
Espazo en que iremos disponibilizando textos clássicos da tradición da esquerda e do galeguismo.

vi. Entrevista.

vii. Coñecer Galiza, andando o País.

viii. Humor, debuxo, fotografía, creación en xeral. Folla de poesía revolucionaria.

ix. Actividades do Grupo de Traballo da Mocidade Irmandiña, novas das comarcas e reseñas de libros, webs e outras cuestións de interese.

Esperamos, xa que logo, podermos contar contigo para esta ambicioso proxecto.
Se desexas participar no voceiro, ben como integrante do Consello Editorial, ben colaborando nunha das seccións ou enviando as túas suxerencias ou artigos para publicar na sección Punto de Encontro, contacta en mocidade@encontroirmandinho.org. Tamén te encoraxamos para que envíes sempre que o desexes as opinións, colaboracións ou suxestións que consideres oportunos. O noso voceiro, ao igual que o noso grupo de traballo da mocidade do Encontro Irmandiño, é aberto a todas aquelas persoas que partillan unha arela común: a liberación social e nacional das galegas e dos galegos. 

Unha forte aperta irmandiña.

GRUPO DE TRABALLO DE MOCIDADE DO ENCONTRO IRMANDIÑO

08/11/11

IIº CONCURSO DE CREACIÓN ARTÍSTICA

Traballo gañador do Iª Concurso de creación, no ano 2010.

As políticas do PPSOE dende a farsa da Transición conduciron a esta situación, e continuarán a agravala, despois do 20-N.
Por iso, ademais de votar ao BNG nas Xerais, a alternativa galega e de esquerdas, propoñémosche que, a través da creación artística, reflexionemos sobre a pobreza de proximidade, a crecente existencia no noso entorno de situacións que podemos calificar, cruamente, de pobreza.

BASES do concurso

- Tema: "pobreza de proximidade". 

- Cada participante pode presentar un máximo de tres traballos en distintas formas de expresión artística (fotografía, debuxo, poesía, vídeo…).

- Prazo de presentación dos traballos: ata o 11 de decembro de 2011.

- Os traballos enviaranse por correo electrónico a mocidade@encontroirmandinho.org ou por correo postal a Encontro Irmandiño, R/ Javier Fonte, 1-B, 6º Esq. - 15001 - A Coruña. 

- O xurado estará composto por cinco integrantes da Coordinadora do EI e do Grupo de Traballo de Mocidade.

- O fallo do xurado coñecerase o 14 de decembro, no curso da cea de Nadal da mocidade irmandiña, onde alí mesmo se entregarán os premios aos participantes que desexen asistir á cea.

- 1º premio – Libro Por unha Galiza liberada e outros ensaios, de Xosé Manuel Beiras, asinado polo autor, e camisola da mocidade irmandiña de Caramuxo.

- 2º premio – Bandeira galega estreleira e libro de Uxío Novoneyra.

- 3º premio – Bandeira galega estreleira e libro de Uxío Novoneyra.

Galiza, novembro de 2011.