24/01/12

Beiras, no permanente recurso nacionalista.

por Xosé Lois García

Corría o ano de 1973 e aquel grupo de rapaces novos, emigrantes en Barcelona, uns exercendo de obreiros e outros de estudantes, mais todos eles participantes da Irmandade Democrática Galega (IDGA), unha instancia clandestina obsesionada por esclarecer a problemática emigratoria e a sangría que estaba padecendo Galiza en tantas e depredadas situacións. Todos ao redor dun libro: “Sempre en Galiza” de Castelao. Un documento esclarecedor sobre aquela Galiza que intentou saír de tantas depresións que fomentaron incontábeis secuestros da nosa realidade. Ler e discutir cada un dos capítulos do “Sempre en Galiza”, incrementou ese crecemento ideolóxico nacionalista e, tamén, posturas encontradas sobre certas carencias ou matices económicos que respondían á falta de infraestruturas, segundo Castelao.

Nese ano de 1973, cando estábamos discutindo estes temas, vinte e nove anos despois da publicación do “Sempre en Galiza”, a Editorial Galaxia, publicaba en febreiro dese ano o libro da autoría de Xosé Manuel Beiras, titulado: “O atraso económico de Galicia”. O temario resultou un boom esclarecedor que deu un xiro de cento oitenta grados, con respecto aos conceptos que se esgrimían encol da economía galega. Este libro incitou aos insurxentes de IDGA, en plena clandestinidade, a realizar unha lectura, en diferentes fases, que nos levaba a debates moi serios e determinantes. Foi neste compendio onde comprendemos certas claves do declive económico histórico de Galiza. E aínda que a colonización tiña para nós outros compoñentes, exentos da realidade económica, o libro de Beiras foi concluínte para entender esa perpetua dependencia de Galiza a poderes opresivos. Lembro as pertinentes reiteracións que facíamos nos debates sobre todo nos seguintes capítulos: “A faciana galega do colonialismo interior: Actuación da sociedade industrial sobor do seitor precapitalista” e, tamén, “A faciana española do colonialismo interior: Dependencia da sociedade industrial galega”.

Foi nese ano en que coñecín a Xosé Manuel Beiras en Xenebra, os dous coincidimos naquel Coloquio sobre historia, economía e cultura, organizado polo Centro Galego “A Nosa Galiza”. O 21 de abril falou Beiras de moitas problemáticas e de moitas disidencias operantes en Galiza que fomentaban ese atraso secular. Despois pasou por Barcelona, tantas veces, e os galegos fomos comprendendo que o “Sempre en Galiza” e “O atraso económico de Galicia”, son dous compendios que discirnen moi ben a incapacidade política e económica da nosa nación, abrindo camiños e corrixindo erros, fomentando esperanzados abrentes.

Se nos adentramos en toda esa dinámica literaria de múltiples artigos políticos e intervencións que se procesan no libro: “Prosas de combate e maldicer” (1991), decatámonos da dimensión intelectual dun animal político aristotélico como se amosa na incidencia pragmática de Beiras. Ese enorme caudal de ideas fáisenos necesario para fomentar un talante asembleario e participativo para que o BNG non fique anquilosado en disxuntivas e indiferenzas.

No nacionalismo galego xa pasou o tempo de construír pirámides e, dentro delas, nomenclaturas ríxidas onde a burocracia non permita acelerar debates que son imprescindíbeis. Mais non un debate pechado onde as elites determinen conceptos que causen división e afastamento a un proxecto no que deben participar as bases. Parece que hai certo interese por esquecer aspectos históricos nos que Beiras foi adaíl preclaro, polas súas contundencias esclarecedoras.

Se nos detemos nas cifras e nos porcentaxes de catro lexislativas nas que participou como deputado e candidato a presidir a Xunta de Galicia, Xosé Manuel Beiras Torrado levou ao BNG a un apousento ascensional que ten referencias moi puntuais na política galega. Nas eleccións autonómicas de 1989, o BNG consegue con Beiras grupo parlamentario, co 8% de votos e 5 deputados. Nas de 1993 consegue o 18,5% e 13 deputados. Nas de 1997, Beiras encandea ao BNG a traducirse na segunda forza parlamentaria de Galiza co 24,8% e 18 escanos. Nas eleccións de 2001 consegue o 22,6% e 17 deputados, un menos que nas de 1997.

Pouco sabemos –mais intuímos- que o recambio de Beiras por Anxo Quintana, un secundario na política do BNG, non así como alcalde de Allariz, levou ao BNG nas elección de 2005 a un descenso de 4 deputados, con respecto aos que tiña Beiras. Mais como o BNG entraba do goberno bipartito co PSdeG, evitouse por tódolos medios facer autocrítica dos resultados, tapándoos en clave triunfalista. O mais grave de todo isto foi a de intentar apagar a combustión inxectada por Beiras a seus militantes. O mais cru daquelas determinacións escurantistas foi a de intentar desvalorizar os quilates dun político pragmático como Beiras, desde unha perspectiva monolítica e dun infantilismo pequenoburgués.

Confinado nese sentimento de permanencia, Beiras non claudicou e seguiu ofrecendo camiños a unha nova xeracións que xa non é como a nosa, que entende a unha Galiza doutra maneira, mais pragmática e mais compartida nas decisións comunais. Isto suscitou o Encontro Irmandiño. Beiras entende e percibe o que connotan esas mozas e mozos irmandiños en producir cambios cualitativos que non dependan de políticas estáticas do pasado. O nacionalismo galego pasa, incondicionalmente, por ser participativo e non eludir os debates individuais e colectivos nin aprazar perspectivas. Neste amplo espazo de continxencias, Xosé Manuel Beiras continúa sendo un respiro dese pulmón colectivo nacionalista que inspira confianza e non asfixia. Prescindir de Beiras sería anquilosar a base dun cambio xeracional que se percibe nos ambientes do nacionalismo de esquerdas en Galiza.

23/01/12

Presentada a candidatura para o "novo proxecto común: refundación e rexeneración do BNG".

Presentada hoxe en Santiago de Compostela, na Sede Nacional do BNG, ás 17:00 horas, a candidatura ao Consello Nacional encabezada por Xosé Manuel Beiras, apoiada polo Encontro Irmandiño, +Galiza e independentes, que inclúe ao propio Beiras como candidato á Portavocía Nacional e a Carlos Aymerich como aspirante á presidencia da Xunta.

candidatura_novo proxecto común

20/01/12

Acordo para unha candidatura plural.

NOVO PROXECTO COMÚN, REFUNDACIÓN E REXENERACIÓN DO BNG

As organizacións políticas integradas no BNG, +GALIZA e ENCONTRO IRMANDIÑO xunto con outros colectivos e grupos de independentes, entendendo que neste proceso é máis o que nos une que o que nos separa, queremos facer público o seguinte acordo para a nosa participación na XIII Asemblea Nacional:
  • Asumir como teses para este proceso o documento “NOVO PROXECTO COMÚN, REFUNDACIÓN E REXENERACIÓN DO BNG”, elaborado como fusión das respectivas teses con aportes de outros colectivos e compañeiras e compañeiros independentes, e que será debatido no plenario da Asemblea Nacional.
  • Impulsar unha candidatura conxunta, inclusiva e aberta a aquelas persoas e grupos políticos ou de base que apoien unha alternativa a prol dun “novo proxecto común para a rexeneración e refundación do BNG” reflectido nas nosas teses conxuntas. A candidatura conxunta ao Consello Nacional será encabezada por Xosé Manuel Beiras Torrado. A persoa que optará a candidato do BNG á Xunta de Galicia será Carlos Aymerich Cano.
  • Facer un chamamento á participación da militancia do BNG no Plenario da Asemblea Nacional os vindeiros 28 e 29 de Xaneiro, para dar respaldo a esta iniciativa co seu apoio democrático imprescindíbel
Somos conscientes da importancia do paso dado que resposta á demanda expresada por unha grande parte da base social do BNG e da súa contorna. Estamos convencidos de que esas demandas non se verán defraudadas.


Galiza a 19 de xaneiro de 2012

15/01/12

Reserva camisola do Encontro antes do 16-X.


Queres a camisola do Encontro Irmandiño?

Logo do éxito da primeira fornada, imos facer unha nova tanda de camisolas, deseñadas por Caramuxo para o Encontro Irmandiño.

Témolas en talla S - M - L - XL - XXL.

Escolle a túa talla e fai a reserva en mocidade@encontroirmandinho.org antes do 16 de xaneiro de 2012.

Podemos enviarcha contrarreembolso ou podes recollela na Asemblea Nacional do BNG. Por só 10 €, camisola de calidade de Caramuxo-Camisolas da Galiza.

Entrevista a Martiño Noriega: non estamos en posesión da verdade absoluta.

"O BNG e a esquerda soberanista non están en posesión da verdade absoluta"
"Non teño medo a asumir responsabilidades mentres sexan colectivas"
"Aínda que haxa caras visibles, debería haber polo menos un liderado transversal"
"O modelo frontista ten razón de ser se é entre iguais"
"Estou canso de que no BNG esteamos a analizar o campo embarrado. Hai que ver como dese campo embarrado imos sacar o balón adiante"
"Estou convencido de que a sociedade galega derrotará a Feijóo"


* Podes ler a entrevista completa aquí.

14/01/12

O noso compromiso para gañar.

* Do Encontro: comunicacións (aquí).

Unha fronte ampla a prol da refundación.

A celebración das Asembleas Comarcais do BNG, marcan o inicio da fase de debate dos documentos presentados nesta ocasión. Diante desta etapa, que debe concluír coa celebración do Plenario da Asemblea Nacional, queremos dirixirnos a todos e todas os/as afiliados/as do E.I e do BNG para informar e declarar:

1.- Para o E.I, como temos explicado dende hai moito tempo, e como seguimos explicando en todos os actos que estamos celebrando en todo o país, a próxima Asemblea Nacional do BNG, é a oportunidade de iniciar un proceso de refundación e rexeneración do BNG, que permita convertelo no suxeito da acción política ao servizo do pobo galego, nunha organización útil e democrática que permita convertelo no referente político que represente á inmensa maioría da sociedade galega que o precisa con urxencia.
Malia as trabas que o “aparato do BNG” pon á participación, o BNG está nas mans dos milleiros de afiliadas e afiliados que o compoñemos e que de novo podemos participar directamente sen prestar a nosa representación a ningún delegado.
Polo tanto, a próxima Asemblea Nacional, é derradeira oportunidade de iniciar un proceso de rexeneración do BNG que, sen dúbida, será prolongado no tempo, mais profundamente necesario para o BNG e para Galiza.

2.- O Encontro Irmandiño sabe que para lograr o ambicioso obxectivo que pretendemos, é necesario construír unha grande alianza, unha ampla fronte plural de consenso interno do que só ficará excluído quen así o queira, de organizacións e afiliados e afiliadas individuais do BNG que, coma nós, partillen as ideas de renovación, refundación e rexeneración do BNG.
Facemos un chamado a concertar as bases para esa fórmula que estamos seguros será exitosa na Asemblea Nacional. Hai tempo e forza sobrada para iso se as vontades expresadas se materializan.
Temos que expresar o noso optimismo pois, a modo máis de xeito constante, prodúcense adhesións de colectivos e sobre todo de persoas independentes convencidas da necesidade da confluencia nesta fórmula.

3.- Neste sentido, comunicamos que seguiremos a traballar para conseguir o máximo de unidade arredor destes obxectivos, co máximo de xenerosidade e supeditando calquera interese de parte ao interese xeral do BNG e de Galiza. E so esixiremos o mesmo.

4.- Diante da celebración nestes días das Asembleas Comarcais do BNG, facemos un chamamento á participación de todos e todas os/as afiliados/as do BNG. O BNG debe recuperar a súa capacidade de debate e entendemento ao marxe das ambicións persoais ou de grupo. Ademais, animamos aos afiliados e afiliadas do E.I, a asistir e defender o voto particular a presentado polo noso partido, convencidos de que nel reflíctense os elementos estruturais básicos que poderíamos aceptar todos e todas e que permitirían a refundación e rexeneración do BNG.

12/01/12

Martiño Noriega na Radio Galega.

"Nós non facemos da cuestión personal unha cuestión innegociable onde todo teña que pasar por nós, somos conscientes de que estamos facendo unha aposta pola pluralidade, por un frente amplo no que non tan só son eu - aínda que tamén son consciente de que o meu nome está enriba da mesa - o que ten que adoptar unha decisión no campo persoal e no campo colectivo, senón que tamén pode haber outros compañeiros e compañeiras. A cuestión é artellar esa fronte ampla e plural que realmente reivindique un BNG unitario na acción pero diverso nas lecturas da sociedade. E aí eu coido que está habendo un mal enfoque, na medida en que hai posicións persoais que pasan por innegociables e non entenden que eso ten que ser a guinda do pastel ou o tramo final dun proceso colectivo que verdadeiramente busque outras cousas e que verdadeiramente nos faga sentir que estamos promovendo un cambio real".
Pese ao que decidisen recoller algúns medios, con informacións totalmente terxiversadas, o que dixo Martiño Noriega Sánchez na Radio Galega o 11-1-2012 pode escoitarse aquí, a partires do minuto 21.

10/01/12

Nº 2-3 da Revolta Irmandiña

Revolta Irmandiña nº 2 - 3

revolta irmandiña nº 2 - 3 EDITORIAL [12-2011-1-2012]

* Sae hoxe, 10 de xaneiro, a revista correspondente aos números 2 (decembro de 2011) e 3 (xaneiro de 2012) da Revolta Irmandiña, voceiro do Grupo de Traballo de Mocidade do Encontro Irmandiño. 
Podedes descargala directamente aquí ou ir lendo as seccións nos enlaces deste editorial.

Comezamos 2012 coa vista posta na XIII Asemblea Nacional do BNG, que para o Encontro debe ser un punto de inflexión, unha asemblea de refundación que permita sentar as bases dun BNG útil para a maioría social do pobo galego, como comentan Martiño Noriega ou Mario López Rico.

“O desgaste e desvirtuación que tivo ao longo destes anos fan necesaria unha refundación que poña á nosa organización en condicións de afrontar os novos retos e de asumir ser ese novo referente político que represente á inmensa maioría da sociedade galega que o precisa con urxencia.

Son moitos os retos para este ano - a caída do estado do benestar, o afondamento da fenda entre ricos e pobres, a crise alimentaria global, etc - que fan máis urxente a rexeneración do BNG para facelo un instrumento político útil para ese 99% da sociedade que estamos a padecer as consecuencias peores dunha crise que non provocamos nós. E, para iso, como di o Beiras, “ou facemos profesión da ética, da solidariedade, da fraternidade e da igualdade, profesión e práctica dos principios republicanos en clave da nosa nación ou seremos falsos, mintiráns, e non seremos bos e xenerosos e estaremos, mal que ben, traicionando aos nosos ancestros”. Precisamente, como non poidemos facer a entrevista prevista a Xosé Manuel Beiras para unha semana antes da súa homenaxe en Compostela, trascribimos neste número de decembro de 2011 e xaneiro de 2012 o seu discurso en dito acto, onde afirmou cousas coma a que vimos de citar [páx. 31].

Como cadra que este número da revista se rematou o 7 de xaneiro, no 62º aniversario do aniversario da morte de Castelao, ofrecemos na sección “Coñecermos os clásicos” algúns fragmentos do noso clásico, o Sempre en Galiza [páx. 26].

Neste tempo en que se evidencia a fin do ciclo político da “Transicíon Española”, cociñada dende arriba e frustrando unha verdadeira ruptura democrática co réxime anterior, reflexionamos sobre o papel da CIA en dito proceso [páx. 18], a verdadeira face da Monarquía [páx. 19], a crimizalización do independentismo [páx. 14] ou o desdén do estreado goberno do PP polas conquistas sociais, coma o dereito á baixa por maternidade [páx. 17], todo isto na sección “Opinión: do Estado”, ao que engadimos un interesantísimo artigo de Juan Torres López: “Apenas a esquerda ou mellor todos os de abaixo” [páx. 15].


En “Opinión: do mundo”, tres artigos sobre os Estados Unidos de Amércia para comprender as orixes da crise [Vicenç Navarro - páx. 24] e o derrube político e moral do centro do sistema, co artigo de Gregorio Morán sobre o soldado Manning [páx. 21], encarcelado por divulgar as suxas mañas dos EUA en Irak.

Neste número, a sección Coñecermos Galiza versa sonbre o mundo ribeirao de Parada de Sil e a Folla de poesía revolucionaria fornécese de tres novos poemas de Antom Fente e Jorge Pérez Arias.

O asemblearismo como principio político-ideolóxico irrenunciábel

Facemos do asemblearismo o tema central deste número de decembro de 2011, pois a XIII Asemblea Nacional do BNG é “a derradeira oportunidade para un BNG útil” para quen defendemos este modelo organizativo non só como instrumento para a convivencia dentro da organización, senón como principio ideolóxico-político básico, considerando á persoa militante como cidadá “libre para poder exercer os seus dereitos e asumir as súas obrigacións en primeira persoa” e porque, nunha nación sen estado, “o BNG era un aparato de Estado indispensábel para esta sociedade (cidadanía), pois non contaba con outra forma de representación soberana”, como explica Raúl Asegurado no seu artigo [páx. 9].
Na mesma liña vai o artigo de X. Manuel Beiras repescado este mes “As chaves mestras do proxecto común”, que se pode ler na páxina 7.

Sigue na web do Encontro Irmandiño as “crónicas preasembleares”

Neste momento previo á NOSA (a de toda a militancia, a de toda a cidadanía) asemblea de refundación é precisa a transparencia fronte ás trabas que o aparato do BNG está a poñer para que esta asemblea sexa participativa e de verdadeiro debate: criterios dispares sobre actualización de cotas, necesidade de anotarse cun escrito asinado para participar na asemblea, pretensión de cambiar o regulamento para que unha asemblea inicialmente prevista só con debate en pleno teña agora comisións...

Tamén neste número (2-3): 

- O coñecemento contra a crise - Bieito Barreira

- Asemblearismo Sempre Máis - Paula V. Verao

- New Brave Galiza - Antom Fente Parada

- O BNG, Tolkien e a Terra Media, xogo de comparanzas - Paco Gallego

- O falido golpe de Wall Street en 1934 - Michael Donnelly

- Reserva camisola do Encontro Irmandiño

- 15-M O pobo indignado, reseña de Antom Fente Parada

Colabora no noso voceiro

Podes formar parte deste proxecto participando no Consello Editorial, enviando os teus artigos para publicar ou ben Cartas ao Consello Editorial, todo no enderezo electrónico mocidade@encontroirmandinho.org

* As fotos deste número son de Manoel Santos [páx. 8], Paula Vázquez Verao [sección Coñecer Galiza], do arquivo Creative Commons da Rede e da web do BNG [páx. 6 e 13].

08/01/12

Martiño Noriega na Ser Galicia.

Martiño Noriega en Ser Galicia

* Enlace ao audio aquí.

"Os califatos xa forman parte do pasado, a pluralidade do BNG vai máis aló dunha persoa". "A cuestión non empeza nin acaba en Carlos Aymerich, non se pode fiar todo a unha soa persoa". Preocupado polo "risco de ruptura", cre que non é o momento para "un cambio de cromos". Aposta por unha "renovación profunda" para abrir o BNG á sociedade.

A tres semanas da asemblea do BNG, nin hai acordo nin se albisca esa posibilidade entre as distintas correntes. Martiño Noriega, un dos integrantes do Encontro Irmandiño, insiste en que ten que haber unha renovación profunda para abrir o BNG á sociedade. "Hai unha base social que necesita ver no BNG unha ferramenta útil para transformar este país, e non unha ferramenta que teña un único fin en si mesmo, e debemos establecer outro tipo de vasos comunicantes cos axentes sociais, entender que o BNG non está en posesión da verdade", asegura. 

En declaracións á Cadea SER, Martiño Noriega aposta por un Bloque máis centrado nos problemas de Galicia. Na súa opinión, a formación "debe perder o perfil de tentar tutelar todo o que está a ocorrer no país, e que debe afacerse a acompañar as causas xustas, os movementos de reivindicación". 

Non aos "califatos". Preocupado polo futuro da formación, Martiño Noriega advirte a Carlos Aymerich, líder da corrente MáisGaliza, de que hai que buscar puntos de encontro sobre un proxecto e non ao redor dunha persoa. "Hai que escoller as mellores caras, os califatos xa forman parte do pasado, a cuestión non empeza nin acaba en Carlos Aymerich, e non se pode fiar só a unha persoa, a pluralidade do BNG vai máis aló dunha persoa", dixo. 

O dirixente irmandiño cre que hai que escapar dos personalismos e relanzar unha alternativa que sexa capaz de aglutinar todas as sensilidades. "Para nós as persoas non son innegociables, estamos máis por unha cuestión de fondo, chegou o momento de elixir un novo líder", asegurou. Preocupado polo risco de ruptura co que se chega á asemblea do próximo día 28, insiste en que o Bloque ten que ser capaz de articular un proxecto que sexa útil á sociedade galega. "É algo que ninguén nega, e demostra que estamos nun punto de inflexión e que non se soluciona cun cambio de cromos, quítate ti para porme eu, iso non servirá para relanzar o proxecto, aí perderá o BNG, pero tamén os intereses e a defensa da sociedade galega". Á pregunta de se se presentará á portavocía nacional do BNG, Noriega contesta que "evidentemente hai moitas persoas, e será o momento de falalo, non é unha posición blindada, ou eu ou o caos, hai outras moitas cuestións". Ao ser repreguntado, engade: "avanzamos un metro no quilómetro que temos por diante". 

Sobre o manifesto asinado por varios alcaldes nacionalistas, asegura que "naquel momento díxose que non tiña vocación de permanencia, pero levan realizado múltiples contactos, e existe vocación de seguir participando, hai unha esperanza posta para que a asemblea de xaneiro sirva para relanzar o proxecto".

Adianto electoral Martiño Noriega cre que un adianto electoral en Galicia non está justificado. "Non hai motivos obxectivos, o que pasa é que hai representantes do goberno galego que están instalados na táctica, todo pode ocorrer". 

Sobre a remodelación de goberno, "que fixo a cultura galega para caer en mans de Jesús Vázquez?", pregúntase.

06/01/12

Crónicas preasemblearias VII.

Á UPG gústalle o silencio

O 4 de xaneiro celebrouse unha xuntanza da comisión de seguimento ou organizadora da XIII Asemblea aprobada no anterior Consello Nacional. Dous foron os temas que ocuparon o tempo: os problemas do censo que está habendo de novo en algunhas comarcas e unha ameaza da UPG de modificar o regulamento da Asemblea no Consello Nacional do próximo día 21, a unha semana da celebración do plenario da mesma!

Xa temos comentado na anterior crónica o asunto da exclusión e as pexas que se está poñendo ao proceso de reafiliación que, lembrade, foi unha das condicións acordadas para celebrar esta asemblea o máis aberta e participada posíbel, de iso non diremos máis que ante reclamacións conxuntas do Encontro e +Galiza sobre casos concretos nos que a interpretación do regulamento é distinta en diversas comarcas, a UPG (Secretaria de Organización) négase a homologar criterios e facer que se respecte o proceso por igual nos distintos territorios alegando a autonomía dos consellos comarcais, cando estamos a falar de dereitos de militantes e para un proceso nacional!

Esta actitude de deixar facer está a criar moi mal ambiente nalgunhas comarcas especialmente nas máis castigadas polo control férreo da burocracia: Ferrol, A Coruña, Lugo, etc... e onde hai unha vida máis “normal” na convivencia interna non hai eses problemas sobre casos similares.
Este tema vai dar que falar porque xa son abondo persoas excluídas.

O outro tema ten moito máis aquel se cadra, porque a UPG pretende corrixir o próximo día 21 un presunto erro que existe no regulamento, a unha semana do plenario da Asemblea, e instaurar un novo filtro e impedir que os votos particulares de emenda á totalidade (lembrade que hai un do EI, un de +Galiza e un do MGS) unha vez superado o debate e ter pasado por maioría nalgunha comarca teñan que someterse de novo a un filtro previo de maioría en comisión antes do Pleno. Todo isto que pode parecer un pouco embarullado non é máis que tentar impedir que as xente do BNG reunidas en plenario poidan escoitar os argumentos dos que discrepan co diktat da UPG.

Vemos neste intento, de se consumar se poden no Consello do 21, unha grave deslealdade a todo o falado do carácter excepcional que ten esta asemblea dada a gravidade da situación e o que se xoga o BNG e Galiza. Parecen manobras froito do medo a perder o control e pánico ante os que queremos refundar o BNG, que é fundamentalmente devolvelo á militancia e rescatalo do “secuestro” ao que o ten sometido a propia burocracia e os políticos profesionais da UPG.

Aínda así o Encontro seguirá a facer todo o posíbel para que esta asemblea sexa aberta á militancia e que se poida falar sen mordazas. Á UPG, que tanto anda a argumentar que os que falamos ante a sociedade facemos dano aos BNG, parece que tamén lle fai dano que se fale dentro do BNG sen filtros nin ruído que perturben a escoita e a decisión soberana da militancia.

Todo o poder para a Asemblea!!!