21/02/12

Crónica da Asemblea Extraordinaria do Encontro Irmandiño (12-2-2012).

* Paula Vázquez Verao dende a Mesa da Asemblea 

 
Calor. Folgos. Forza. O 12 de febreiro, aquela sala do Pazo de Congresos de Santiago, ateigada de xente, tivo un aire de Asemblea Constituínte: o primeiro impulso para ese "novo proxecto común", unha nova organización política, "unha fronte ampla nacionalista, plural e co centro de gravidade na esquerda", por definir nun proceso de abaixo cara arriba en xuntanzas abertas nas comarcas e localidades.

Como aberta foi a asemblea - igual que todos os procesos do EI -, pública tamén é esta especie de crónica, que podedes completar nos comentarios ou ben enviando as vosas opinións a puntodeencontro@encontroirmandinho.org e mocidade@encontroirmandinho.org
 
A pregunta plantexada pola Coordinadora Nacional do Encontro Irmandiño, en consecuencia cos acordos da Asemblea Nacional de hai un ano, era clara: é rexenerábel o BNG despois da XIII Asemblea Nacional? 

 
Xosé Manuel Beiras pediu que se tomasen "decisións rotundas", sexan cales sexan".
O portavoz nacional do EI explicou que o que se acordara na IIIª Asemblea foi que había que intentar mudar as condicións no BNG para lograr unha rexeneración, volver aos prinicipios éticos e políticos orixinais e recuperar o proxecto estratéxico de emancipación nacional, reactualizando o proxecto común á vista do s. XXI. Para isto, o EI sempre tivo en conta ao movemento antiglobalización, que está dando unha lección de como se pode facer que a cidadanía exerza como tal, e como a esquerda social se pode proxectar na instancia política. O EI cremos que o nacionalismo galego debe aprender de todos estes procesos, e iso era o que queríamos aportar no BNG.
O acordo da IIIª Asemblea do EI impelía a que, de non se acadaren as condicións para rexenerar o BNG, contribuiríamos á creación dun novo referente político con raiceiras na sociedade, na cidadanía que sinte Galiza como nación.
A decisión a adoptar, como primeiro paso era, pois, decidir irse ou non do BNG.


"Cómpre recuperar a ilusión".
Coincidiron a práctica unanimidade das intervencións en que "o BNG non é rexenerábel" e que a sociedade galega está "agardando por un proxecto novo". Foron comúns os parabéns polo formato de asemblea aberta e as lembranzas dos anos 90, cando "a maior parte da mocidade era do BNG porque ilusionaba". Esa ilusión era o que facía que a militancia fose moi activa, e non só esta, senón tamén a xente simpatizante, que facía un gran papel.

Carlos Méixome
"Gran parte do BNG ten que abandonar o BNG"
A tese aprobada é excluínte, "recupera o modelo de fronte vertical, o BNPG, cun partido comunista con compañeiros de viaxe". No s. XXI, cando os modelos de organización da esquerda están en profundo cambio, cando o capitalismo está esgotado, nós temos que irnos do BNG, pois a nosa forma de facer política non ten cabida nel.

Quique Tello
"Ou se transforma dende a propia sociedade e de aí sae un goberno novo ou se transforma dende o goberno e de aí sae unha nova sociedade. Este última é tanto a estratexia do PP coma a da UPG, pero non a nosa."
É o nacionalismo organizado no BNG un elemento válido para transformar a sociedade? A cuestión é que o BNG está desconectado dela. O inimigo é o fascismo instalado na sociedade a todos os niveis e o BNG non serve para combatelo, mesmo se renunciou a aplicar o propio programa de goberno aprobado nas asembleas.
Temos a sorte de ter xentes que non teñen ambición política de ocupar un cargo, senón de contribuír a un proxecto político novo: un novo nacionalismo organizado.


Martiño Noriega 
"Doe o corazón, pero respiramos esperanza. Hai que comezar un novo camiño fóra do BNG".
O alcalde de Teo e viceportavoz do EI amosouse claro e rotundo. "No EI fracasamos na rexeneración do BNG." Dimos a batalla porque pagaba a pena, pero cómpre encetar un novo camiño. "Cómpre, sen perder a identidade, abrir os ollos e as orellas e abandonar posicións prefixadas: o proxecto político novo ten que ser con moita xente e moi plural".
As responsabilidades son colectivas, non hai bos nin malos.
"Decidades o que decidades, eu acompañareivos".


Helena Pérez
"Vivir da política impide pensar libremente."
O que está a pasar no BNG xa se viviu na ANPG e o proceso de ruptura desta desde o ano 80, con expulsións masivas e ruptura traumática, fíxonos tomar conciencia da necesidade de traballar en torno a consensos. Todo o traballo de ascenso do BNG se fixo en base ao consenso, dende o debate, dende o respecto. Dende que unha parte pugnou por controlar o aparato, o clima interno mudou radicalmente, a convivencia xa está rota hai tempo e a cidadanía xa deu as costas ao BNG.
Se non é posíbel a convivencia no BNG, é responsábel saír daí.

Manoel Santos
"Non se pode respostar á parálise política con parálise política: a burocracia do BNG está totalmente afastada do pobo".
O grave do nacionalismo organizado non é a situación interna, senón a incapacidade de dar resposta a esta fase do capitalismo.
Hai un conflicto entre as formas de entender a organización e, sobre todo, nos xeitos de comunicación social.
O noso deber é propiciar o clima para a "reconstrución dunha ferramenta política para este País", para o que se precisa "implicación de todo o mundo, en pé de igualdade: esforzo, imaxinación, altruísmo, respecto mutuo, xenerosidade..." O EI non queremos hexemonizar nada, senón facer ver que "outra Galiza é posíbel e que imos a loitar por ela".

Xabier Toba
"A derrota do proxecto político do nacionalismo foi cando o Estado Español impuxo o seu programa político na Galiza e se afundiron os nosos sectores productivos".
É crucial recuperar a análise seria do País, facer un programa político desde unha organización ao servizo da liberación nacinal e a liberdade das persoas.
"Non hai esperanza no BNG e, para o novo proxecto político, "nada fóra da autoorganización da sociedade"

Luis Eyré
"A XIII Asemblea puxo en evidencia que a unidade do nacionalismo no BNG é imposíbel. Tentar mantela á forza mandaría a moita xente para a casa."


Nando Casal
Logo dunha retranqueira e xenial intervención, o músico sentenciou: "só hai dúas posibilidades, ou irse para a casa ou tratar de facer algo fóra e ilusionar á xente". Cómpre un instrumento político á altura do s. XXI. "O País precisa unha ferramenta útil, non unha empresa para xerar postos de traballo".


Luís Gonçales Blasco "Foz"
"Como nunca estiven, non por eu non querer, senón por non me deixaren, que vou dicir? Que mellor fóra".
Reivindicou o papel da UPG histórica, da da actividade no exilio e dos primeiros tempos, e criticou a súa deriva dende mediados dos 70.
Na nova xeira, precisamos "respecto mutuo": "hai que defender a todo o nacionalismo e a todo o independentismo", temos que sumar forzas.
A organización independentista Galiza Ceibe tratara de entrar no BNG, algo apoido por Beiras, pero foi frustrado. "Sabemos que, de momento, o novo instrumento político non vai aglutinar a todo o nacionalismo, que vai haber un periodo con varias opcións", pero cómpre unir forzas para un novo proxecto común.

Carlos Neira
"Se somos quen de aglutinar a toda a xente que se afastou do BNG: hai futuro!"

Raúl Asegurado
"A honradez política mídese sempre no momento presente". Non é o momento dos novos nin dos mesías, senón o de confluírmonos todas e todos, acumulando capital humano, e tendo o compromiso de proxectarse cara o futuro, "pero no presente e agora".
[Pódese ler a intervención do Raúl aquí].

Xoan Hermida
"É un erro pensar que non se pode construír un proceso reformista no institucional pero rupturista e de cambio social na sociedade".



Pilar Estévez
"Non ao cainismo: o inimigo está aí fóra".

Paco Gallego
"Non se pode vivir nunha organización que é unha trincheira".

Manuel Docampo "Lolo"
"O camiño é complexo, pero merece a pena".
No SLG foise quen de construír outros xeitos de organización e de relación coa sociedade. Nós non temos que "ser militares", temos que seguir a "pensar diferente, ser traballadores, pero non militares".

Héctor Tejón
"A xeración máis formada da Historia de Galiza está a marchar", tamén se foi afastando do BNG.
Á xente moza tócanos a construción dunha nova sociedade. "Hai moita desconfianza social cara o nacionalismo, pero tamén ganas".

Sobre se foi ou non bo ter ido á Asemblea do BNG, a maioría valorou como positiva esta derradeira batalla dentro. "Fracasamos porque actuamos", ademais, "na XIII Asemblea deuse un elemento interesante, os procesos enmarcadores, procesos de unidade que se xeneran entre xente diferente que ve que é posíbel construír algo xuntos" (Xoan Hermida). 

 
O ambiente da XIII Asemblea serviu para que moita xente "nos díramos conta de cómo funciona o BNG en determinadas comarcas" (Luis Eyré), para verificar colectivamente o estado real da fronte, que reproduce todos os males sociais: "a lóxica de dominación, o desprezo á diferenza, a non asunción da crítica construtiva, falta de debate, auténtica corrupción e mercadeo con postos de traballo" (Paula Vázquez Verao).


Tamén houbo referencias á etapa de goberno do Bipartito, na que se fixeron cousas ben pero que tamén se cometeron erros polos que "había que pedir perdón" (David de Toén), non se soubo "reaccionar á perda do goberno da Xunta". "Hai que gobernar, pero manterse firmes nas conviccións".

"O inimigo está fóra, non é o BNG", foi algo do máis repetido. Cómpre ter respostas políticas ante a situación da Galiza. O novo proxecto ten que adicar os esforzos a "loitar contra o capitalismo".

En canto á maneira de saír, fálase de "escisión", de saída organizada, "en bloque", pero respectando os procesos e tempos de cada grupo organizado.

De cara ao futuro, o novo proxecto común mírase "plural", con raiceiras na sociedade civil, "con xente que estaba no BNG e con xente de fóra". "Se o que queremos é algo plural e construído colectivamente, non pode haber grupos ou colectivos dirixentes, o EI non ten vontade diso" (Luis Eyré).

Adhesións colectivas ao proxecto evidenciáronse xa nesta Asemblea, por parte de colectivos de Nigrán e da comarca de Ferrol, onde cómpre "rescatar a xente que estivo falta de liberdade internamente".

Logo do debate, a coordinadora ratifica a súa postura: non hai posibilidade de rexenerar o BNG dende dentro; hai que saír colectivamente da fronte.

Xosé Manuel Beiras, como portavoz nacional do EI, le as propostas de resolución, aprobadas por aclamación, non habendo ninguén das persoas asistentes que solicitase votación. 

A singladura cara o mar aberto comezou.

18/02/12

"Ficar no BNG é conservador" Entrevista a Xosé Manuel Beiras

Feita por Mario Beramendi aquí.

O histórico líder nacionalista reitera que o Bloque non é inimigo do seu proxecto 

O pasado domingo, un dos pais fundadores do BNG, o seu líder durante boa parte da traxectoria da fronte, abandonaba xunto aos seus a formación. Xosé Manuel Beiras Torrado (Santiago, 1936), protagonista da primeira gran ruptura do Bloque, fala dende a súa casa de Brión. Semella que a recente historia do nacionalismo é unha historia de encontros e desencontros de Beiras coa UPG.

-¿Como se atopa case unha semana despois de dicir adeus a trinta anos?
-Hai sentimentos encontrados. Para min e para os compañeiros máis veteranos foi unha decisión moi dolorosa. Custounos moito. Querémoslle ao BNG, a súa xente, ao seu proxecto. Por outra parte, sentímonos aliviados. Viñamos dunha tensión moi forte o último ano. 
-¿Tan irrespirable era o clima interno?
-Para a xente de Alternativa pola Unidade [ApU] non, para nós si. Houbo un proceso de deterioro gradual e crecente nas actuacións. 
-Refundar, rexenerar, volver ao BNG primixenio. Se houbera que explicar aos cidadáns que significa iso e por que se perdeu, ¿que lles diría?...
-O que houbo sempre no Bloque foi que as diferenzas marcaban posicións que tendían a resolverse mediante unha dialéctica de contrastación entre unhas e outras. Tratábase de buscar unha liña de converxencia nos eixos primordiais do movemento nacionalista. Iso significa un diálogo entre iguais, un respecto e unha confianza recíproca. Nesta última etapa rómpese iso. Téntase facer un contrato de adhesión inquebrantable. 
-¿Que ilustra na práctica todo ese proceso de deterioro? ¿Onde están os exemplos?
-O exemplo de que o BNG xa non é froito dunha dialéctica entre moitos senón un centro de gravitación con adhesións foi a última asemblea nacional. Non se logra consensuar un documento político. A tese maioritaria, a da ApU, pasa ao plenario, pero non as emendas, filtradas previamente cun filtro contraditorio: se a tese primordial é a da maioría non lle podes esixir ás minorías que gañen por maioría nas comarcas para que pasen as súas emendas. A consecuencia é que se chega a un plenario que, en lugar dunha asemblea do BNG, parece un congreso da ApU, onde só propoñen e retocan eles. 
-A ruptura non é froito da ultima asemblea. ¿Cando cre que empezou a xestarse?
-O punto de inflexión é cando o BNG gaña poder institucional, entre 1997 e o 2001. Hai quen dicía que iamos morrer de éxito. Non foi así. Pero iniciase entón o que ten ocorrido noutras forzas: a fronte convértese nunha organización na que os grupos empezan a competir por espazos de poder. A UPG comeza a converter o BNG no modelo do Bloque Nacional Popular Galego, anterior a 1982. É dicir, a vella fórmula de Bloque disfrazada de fronte. Unha plataforma de recadación de afiliados, para axitar e subverter, e unha forza que marca a liña política, que é a UPG. 
-Se ven de tan lonxe o deterioro, ¿por que foron a asemblea? Agora corren o risco de quedar ante a sociedade como uns malos perdedores...
-Tiñamos ese compromiso da ultima asemblea do Encontro, pese a que moitos militantes querían saír: tratábase de dar a batalla dentro, de facer un último intento por rexenerar o BNG. Nós non marchamos por perder. O resultado que obtivemos era moi satisfactorio se o que buscabamos fose gañar espazos de poder dentro do Bloque. Pero non era ese o noso obxectivo. 
-¿Terían quedado dentro en caso de gañar?
-Si. Pero non para facer un uso excluinte da nosa maioría senón para integrar a todos, a UPG incluída, e impulsar a rexeneración que estabamos a defender. Eu xa advertín dentro do BNG que a xente que máis xenuinamente se identificaba co proxecto estaba marchando. Non son afeccionado ás citas bíblicas, pero lembra cando hai dúas mulleres que reclaman que o neno é fillo delas e Salomón propón cortalo á metade. ¿Que di a verdadeira nai? Que o leven antes de que o maten. Esa era a xente que preferiu marchar ou calar antes de que o BNG rompera. 
-¿Por que non atrasaron o congreso da escisión e non abriron un diálogo previo con Máis Galiza, o seu socio na asemblea?
-Primeiro. Nós dixemos que iamos celebrar ese congreso dende antes. E ademais Máis Galiza incorpórase ás teses que nós levabamos defendendo un ano a uns días da asemblea. Sectores da corrente están agora dubitativos e nós non podíamos agardar polo compromiso que tiñamos cos nosos. Eu dixen xa que o Encontro Irmandiño non quere ter un protagonismo especial nesa alternativa política. 
-¿A quen está aberta esa fronte?
-Nós non imos facer un mosaico bizantino, por arriba, a partir de cousas existentes. Queremos un proxecto dende abaixo que, nos eixos das esquerda e da identificación nacional, sexa quen de unir distintos segmentos da cidadanía que conforman unha maioría social. Iso pasa por construír unha fronte plural, de democracia horizontal. Nós non estamos aquí para facer un BNG bis, por iso insistimos tanto nas experiencias dos movementos sociais e facemos mención ás experiencias latinoamericanas, ás redes mundiais, ao altermundismo. 
-¿É consciente de que igual se tiraron a unha piscina con menos auga da que pensaban?
-Somos absolutamente coñecedores de que asumimos un risco enorme. Por iso o debatemos tanto antes de dar o paso. Pero cremos que se somos quen de recadar apoio, igual pode darse a circunstancia de que a suma do noso máis o respaldo que logre o BNG actual sexa superior ao conseguido polo Bloque en solitario. Esa é a aposta. 
-¿E se falla? 
-Se non somos quen de cuallar unha iniciativa será un fracaso histórico. O conservador é ficar dentro do BNG. O transformador, o arriscado o que é de esquerdas é marchar a asumir un risco de montar algo que non está pensado para arremeter contra o BNG. 
-Nun artigo de «Terra e Tempo» Francisco Rodríguez atribúe a crise do nacionalismo a unha tensión dunha forza de esquerda nas convulsións do capitalismo...
-Non o lin. Pero vénseme á cabeza aquilo dos cursos de historia do bacharelato coa aquela frase de Felipe II. «Eu non enviei á miña escuadra a loitar contra os elementos». As tempestades só eran tempestades para a Armada Invencible, pero non para a flota dos ingleses. Iso pon de manifesto unha incapacidade para facer autocrítica. 
-¿A quen votaría nas autonómicas se fracasara o seu proxecto?
-Se non imos a esas eleccións por nós mesmos eu seguirei votando ao BNG. Unha das cousas sobre as que a dirección non quixo reflexionar foi esa: pensar canta xente desencantada lles votou nas últimas xerais por lealdade a este país. 
-Cando se escriba a historia, ¿a quen se responsabilizará desta ruptura?
-A todos, en certa medida. A min tamén. Eu non vou eludir a miña cota de responsabilidade neste proceso. Non son maniqueo e non penso que nós tivésemos a razón en todo e a UPG non a tivera en nada. Eu nunca fun anti-UPG.
"Encontro Irmandiño non quere ser o único protagonista da nova alternativa"
"Se non imos ás autonómicas por nós mesmos eu seguirei votando ao Bloque"
"Tentan unha adhesión inquebrantable" (en referencia ao actual BNG)

16/02/12

Adiante co Novo Proxecto Común

Separación do BNG en “boa avinza” e impulso de abaixo cara arriba ao Novo Proxecto Común.

A Coordinadora Nacional do Encontro Irmandiño, reunida onte mércores para decidir sobre a aplicación dos acordos da Asemblea celebrada o pasado domingo día 12 de febreiro, nomeadamente sobre a situación dos Concellos nos que se comparte grupo municipal e o inicio dos contactos e métodos para a converxencia con todas aquelas persoas e grupos que estean polo novo referente político do nacionalismo, adoptou os seguintes acordos:

1º. Comisión para dialogar co BNG

Dirixirse, de novo e por escrito, á dirección do BNG a través do seu Portavoz Nacional Guillerme Vázquez para solicitar de inmediato unha reunión para tratar sobre que a separación sexa en “boa avinza” e se poida seguir cooperando e respectando a unidade de acción onde for preciso co obxectivo fundamental de seguir respondendo ás expectativas depositadas pola cidadanía no nacionalismo, co que en principio xa se tiña manifestado de acordo o luns pasado.

A Coordinadora manifesta un vez máis a vontade de que os grupos municipais nacionalistas poidan seguir traballando con normalidade ao servizo da cidadanía.

A este respecto, a Coordinadora designou a Concha Trigo e Mario López Rico para, conxuntamente co portavoz Nacional Xosé Manuel Beiras, integrar a comisión do EI para falar co BNG.


2º. Grupos de base a prol do “Novo Proxecto Común”


Continuar o proceso de abaixo cara arriba e facer xuntanzas abertas para impulsar grupos de base nas localidades e comarcas conxuntamente con todas aquelas persoas que se identifiquen coa idea do novo proxecto común para comezar a falar do mesmo e do xeito de concibir esa nova organización nacionalista co centro de gravidade na esquerda.


Galiza, 16 de febreiro de 2012.


03/02/12

Asemblea Nacional do Encontro Irmandiño o domingo 12 de febreiro.

Reunida a Coordinadora do Encontro Irmandiño para avaliar o proceso e resultado da XIII Asemblea Nacional do BNG da pasada fin de semana, acordou facer público o que segue:
1º. Felicitar a todas e todos aqueles que xunto con nós participamos masivamente coa nosa razón, e de todo corazón, na asemblea do BNG, a primeira sen delegados dende 2006, nun exemplo de empuxe de base que deu como resultado un BNG que nunca máis volverá ser o mesmo pase o que pase.
Considerar que unha vez rematada esta XIII Asemblea do BNG e cos resultados xa coñecidos dun auténtico empate técnico entre os que pretendemos unha fronte plural e recuperación do espírito fundacional de cooperación e irmandade nas relacións internas do BNG e os que pretenden máis do mesmo para seguir a manter a situación actual de dominio da UPG, require do todos nós, irmandiños ou non, unha reflexión seria sobre a situación resultante e sobre o camiño a tomar.
2º. Convocar a Asemblea Extraordinaria do EI para o próximo 12 de febreiro co fin de avaliar se se cumpren, ou non, as condicións previstas nas teses do “Novo proxecto común, pola refundación e rexeneración do BNG” para ese fin.
Todo isto en cumprimento do acordado na nosa III Asemblea celebrada hai agora xustamente un ano, a respecto do proceso de rexeneración do BNG e do rol do EI a prol do mesmo.
Galiza 03/02/12