18/02/12

"Ficar no BNG é conservador" Entrevista a Xosé Manuel Beiras

Feita por Mario Beramendi aquí.

O histórico líder nacionalista reitera que o Bloque non é inimigo do seu proxecto 

O pasado domingo, un dos pais fundadores do BNG, o seu líder durante boa parte da traxectoria da fronte, abandonaba xunto aos seus a formación. Xosé Manuel Beiras Torrado (Santiago, 1936), protagonista da primeira gran ruptura do Bloque, fala dende a súa casa de Brión. Semella que a recente historia do nacionalismo é unha historia de encontros e desencontros de Beiras coa UPG.

-¿Como se atopa case unha semana despois de dicir adeus a trinta anos?
-Hai sentimentos encontrados. Para min e para os compañeiros máis veteranos foi unha decisión moi dolorosa. Custounos moito. Querémoslle ao BNG, a súa xente, ao seu proxecto. Por outra parte, sentímonos aliviados. Viñamos dunha tensión moi forte o último ano. 
-¿Tan irrespirable era o clima interno?
-Para a xente de Alternativa pola Unidade [ApU] non, para nós si. Houbo un proceso de deterioro gradual e crecente nas actuacións. 
-Refundar, rexenerar, volver ao BNG primixenio. Se houbera que explicar aos cidadáns que significa iso e por que se perdeu, ¿que lles diría?...
-O que houbo sempre no Bloque foi que as diferenzas marcaban posicións que tendían a resolverse mediante unha dialéctica de contrastación entre unhas e outras. Tratábase de buscar unha liña de converxencia nos eixos primordiais do movemento nacionalista. Iso significa un diálogo entre iguais, un respecto e unha confianza recíproca. Nesta última etapa rómpese iso. Téntase facer un contrato de adhesión inquebrantable. 
-¿Que ilustra na práctica todo ese proceso de deterioro? ¿Onde están os exemplos?
-O exemplo de que o BNG xa non é froito dunha dialéctica entre moitos senón un centro de gravitación con adhesións foi a última asemblea nacional. Non se logra consensuar un documento político. A tese maioritaria, a da ApU, pasa ao plenario, pero non as emendas, filtradas previamente cun filtro contraditorio: se a tese primordial é a da maioría non lle podes esixir ás minorías que gañen por maioría nas comarcas para que pasen as súas emendas. A consecuencia é que se chega a un plenario que, en lugar dunha asemblea do BNG, parece un congreso da ApU, onde só propoñen e retocan eles. 
-A ruptura non é froito da ultima asemblea. ¿Cando cre que empezou a xestarse?
-O punto de inflexión é cando o BNG gaña poder institucional, entre 1997 e o 2001. Hai quen dicía que iamos morrer de éxito. Non foi así. Pero iniciase entón o que ten ocorrido noutras forzas: a fronte convértese nunha organización na que os grupos empezan a competir por espazos de poder. A UPG comeza a converter o BNG no modelo do Bloque Nacional Popular Galego, anterior a 1982. É dicir, a vella fórmula de Bloque disfrazada de fronte. Unha plataforma de recadación de afiliados, para axitar e subverter, e unha forza que marca a liña política, que é a UPG. 
-Se ven de tan lonxe o deterioro, ¿por que foron a asemblea? Agora corren o risco de quedar ante a sociedade como uns malos perdedores...
-Tiñamos ese compromiso da ultima asemblea do Encontro, pese a que moitos militantes querían saír: tratábase de dar a batalla dentro, de facer un último intento por rexenerar o BNG. Nós non marchamos por perder. O resultado que obtivemos era moi satisfactorio se o que buscabamos fose gañar espazos de poder dentro do Bloque. Pero non era ese o noso obxectivo. 
-¿Terían quedado dentro en caso de gañar?
-Si. Pero non para facer un uso excluinte da nosa maioría senón para integrar a todos, a UPG incluída, e impulsar a rexeneración que estabamos a defender. Eu xa advertín dentro do BNG que a xente que máis xenuinamente se identificaba co proxecto estaba marchando. Non son afeccionado ás citas bíblicas, pero lembra cando hai dúas mulleres que reclaman que o neno é fillo delas e Salomón propón cortalo á metade. ¿Que di a verdadeira nai? Que o leven antes de que o maten. Esa era a xente que preferiu marchar ou calar antes de que o BNG rompera. 
-¿Por que non atrasaron o congreso da escisión e non abriron un diálogo previo con Máis Galiza, o seu socio na asemblea?
-Primeiro. Nós dixemos que iamos celebrar ese congreso dende antes. E ademais Máis Galiza incorpórase ás teses que nós levabamos defendendo un ano a uns días da asemblea. Sectores da corrente están agora dubitativos e nós non podíamos agardar polo compromiso que tiñamos cos nosos. Eu dixen xa que o Encontro Irmandiño non quere ter un protagonismo especial nesa alternativa política. 
-¿A quen está aberta esa fronte?
-Nós non imos facer un mosaico bizantino, por arriba, a partir de cousas existentes. Queremos un proxecto dende abaixo que, nos eixos das esquerda e da identificación nacional, sexa quen de unir distintos segmentos da cidadanía que conforman unha maioría social. Iso pasa por construír unha fronte plural, de democracia horizontal. Nós non estamos aquí para facer un BNG bis, por iso insistimos tanto nas experiencias dos movementos sociais e facemos mención ás experiencias latinoamericanas, ás redes mundiais, ao altermundismo. 
-¿É consciente de que igual se tiraron a unha piscina con menos auga da que pensaban?
-Somos absolutamente coñecedores de que asumimos un risco enorme. Por iso o debatemos tanto antes de dar o paso. Pero cremos que se somos quen de recadar apoio, igual pode darse a circunstancia de que a suma do noso máis o respaldo que logre o BNG actual sexa superior ao conseguido polo Bloque en solitario. Esa é a aposta. 
-¿E se falla? 
-Se non somos quen de cuallar unha iniciativa será un fracaso histórico. O conservador é ficar dentro do BNG. O transformador, o arriscado o que é de esquerdas é marchar a asumir un risco de montar algo que non está pensado para arremeter contra o BNG. 
-Nun artigo de «Terra e Tempo» Francisco Rodríguez atribúe a crise do nacionalismo a unha tensión dunha forza de esquerda nas convulsións do capitalismo...
-Non o lin. Pero vénseme á cabeza aquilo dos cursos de historia do bacharelato coa aquela frase de Felipe II. «Eu non enviei á miña escuadra a loitar contra os elementos». As tempestades só eran tempestades para a Armada Invencible, pero non para a flota dos ingleses. Iso pon de manifesto unha incapacidade para facer autocrítica. 
-¿A quen votaría nas autonómicas se fracasara o seu proxecto?
-Se non imos a esas eleccións por nós mesmos eu seguirei votando ao BNG. Unha das cousas sobre as que a dirección non quixo reflexionar foi esa: pensar canta xente desencantada lles votou nas últimas xerais por lealdade a este país. 
-Cando se escriba a historia, ¿a quen se responsabilizará desta ruptura?
-A todos, en certa medida. A min tamén. Eu non vou eludir a miña cota de responsabilidade neste proceso. Non son maniqueo e non penso que nós tivésemos a razón en todo e a UPG non a tivera en nada. Eu nunca fun anti-UPG.
"Encontro Irmandiño non quere ser o único protagonista da nova alternativa"
"Se non imos ás autonómicas por nós mesmos eu seguirei votando ao Bloque"
"Tentan unha adhesión inquebrantable" (en referencia ao actual BNG)

Sem comentários:

Enviar um comentário