24/03/12

Nº 4 - 5 de Revolta Irmandiña.

Cara ao mar aberto! Esa pode ser a metáfora máis acaída ao tempo que nos toca vivir no nacionalismo galego, coa saída de Encontro Irmandiño e parte de +G do Bloque Nacionalista Galego - así como de xentes independentes por todo o País -. “A fractura do nacionalismo até agora integrado no BNG é actualmente irremediábel, por iso non hai xeito de concibir unha continuidade nunha única organización que non mande para a casa á metade da militancia. Non é bo para o nacionalismo no seu conxunto, nin para avanzar cara un futuro mellor para Galiza e a súa cidadanía, seguir a gastar enerxías en confrontar, na convivencia interna e nas súas relacións coa sociedade, dous modelos organizativos diferentes.”

Comeza, pois, unha andaina ilusionante, pero non exenta de perigos, na que a mocidade irmandiña queremos contribuír a artellar ese novo proxecto común, colaborando activamente nos grupos de base que xa se están a formar en comarcas e localidades e, por outra parte, contribuíndo á unidade de acción do nacionalismo xuvenil nun novo referente plural, asembleario, con vontade de acoller a toda a mocidade rebelde galega, para o cal facemos un chamamento a toda a mocidade galega e a outras organizacións da mocidade nacionalista que acrediten no Novo Proxecto Común.
Organicémonos por unha Galiza ceibe!

revolta_irmandinha_4-5

21/03/12

Charla-coloquio en Vigo: cara a folga xeral.


Charla-coloquio en Vigo sobre a reforma laboral, as súas consecuencias para a mocidade galega e a importancia de facermos folga o 29 de marzo

Luns, 26 de marzo, ás 20:15 horas, no local da FOGA [rúa Águia, nº 5 - Vigo].

* Ligazóns: Beiras ve sobradas razóns para a folga xeral, comparecencia do EI en apoio á folga xeral do 29-M.


19/03/12

Beiras ve "razóns sobradas" para a folga, contra unha reforma "anticonstitucional" e políticas que "matan xente".

De Europa Press (Galiza).

Advirte que o Goberno central vai apertar moito máis", polo que anima á "revolta cívica" xa que se está "en mans de delincuentes"
 
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Mar. (EUROPA PRESS) 

O portavoz nacional do Encontro Irmandiño (EI), o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, sinalou que existen "razóns máis que sobradas" para a convocatoria de folga xeral do próximo 29 de marzo, pois pretende amosar o rexeitamento da maioría social a unha "contrarreforma" laboral que tacha de "anticonstitucional". Ademais, chama a participar nesta e outras mobilizacións co obxectivo de facer fronte a unhas políticas que "matan xente".

"Estas políticas matan xente, aínda que non o fagan de forma directa", advertiu Beiras nunha rolda de prensa na que expuxo os motivos polos que os 'irmandiños' pretenden "contribuír ao éxito" do paro xeral, a pesar de non ter "claro" que esta vía "sexa suficiente" e augurar un proceso --"que pode vir"-- de maior repercusión e "gravidade" que o que aconteza o próximo 29.

O líder do EI mostrouse convencido de que o Goberno central, co seu presidente --"o señor dos hilillos"-- á cabeza, "vai apertar moito máis". Neste extremo, asegurou que lle custa "moito traballo" comprender a "irracionalidade" coa que se actúa desde "instancias do poder": "Ou Mariano Rajoy e compañía son uns perfectos ignorantes ou xente carente de calquera tipo de escrúpulo que están aí para facer o que determinen os grandes poderes financeiros", reflexionou.

Por iso, e xa que a sociedade se atopa "en mans de delincuentes", Xosé Manuel Beiras animou a participar nun proceso de "rebelión cívica" cuxo primeiro "episodio" será a folga xeral.

"ORGANIZAR" O 15M

A este respecto, o portavoz nacional do Encontro Irmandiño aludiu ao denominado 15M pero apostou por estruturar o movemento de 'indignados' "dunha maneira organizada". Así, as forzas políticas e sociais deben "actuar con coherencia" para ser "capaces de deseñar unha estratexia" que dispoña as "canles" polos que cristalice unha "alternativa de mutación" do actual sistema, opinou.

Todo iso, subliñou, para evitar que a problemática vinculada coa crise económica e o "desmantelamento" do Estado de Benestar redunde nun panorama de "caos social".

A formación que dirixe Beiras traballa "a favor" de articular "un proxecto que ilusione aos sectores da cidadanía máis remisos", apuntou, antes de reprobar que no proceso electoral de Andalucía a mensaxe que se transmite é que "con cambiar o voto vaise a resolver algo".

"VIOLAN A DOÑA CONSTITUCIÓN TODOS OS DÍAS"

O líder dos 'irmandiños' destacou que a intención do EI é amosar un apoio "explícito" á folga, cunha implicación "activa" nesta mobilización e nas futuras, pois existen "moitas frontes abertas" e xa se verá dentro de "sete ou oito meses se aínda existe" o dereito ao paro xeral como "arma legal".
 
"Violan a Doña Constitución todos os días", ironizou Beiras ao termo da comparecencia. Nesta dirección, a primeira parte do seu discurso ante os medios de comunicación consistiu en enumerar as tres causas que compoñen a súa oposición á reforma do mercado de traballo: "un atraco absoluto á cidadanía", como a cualificou.

En primeiro lugar, Beiras criticou a política económica "aberrante", cuxa acción, ao seu xuízo, consiste en seguir os postulados dunha "cúpula de economistas ultraliberales" que din que as teorías de Keynes "non valen para nada". Cando, segundo o líder nacionalista, son as que serviron para saír da Gran Depresión dos anos 30 en Estados Unidos. 

"É unha patraña, cando din que as políticas de austeridade e de estímulo ao capital son para xerar emprego e reactivar a economía", aseverou, tras reprobar esta "hexemonía" do capital financeiro.

A continuación, enumerou cambios no dereito laboral introducidos pola reforma, en cuestións como a vinculación con convenios colectivos, a mobilidade xeográfica e a funcional. "É a lei da xungla, e só queda o dereito á pateadura", reprobou, antes de sentenciar que "o que se está facendo" é meter aos traballadores "no túnel do tempo" e facelos "volver ao século XIX".

Por último, en terceiro lugar, Xosé Manuel Beiras arremeteu contra os recortes de servizos sociais, que abren paso, de novo, á "beneficencia" e deixan aos individuos "a expensas da filantropía dos poderosos". "Iso mata xente", finalizou.

06/03/12

10 de marzo: día da clase obreira galega


O 10 de marzo celébrase o día da Clase Obreira Galega en memoria de Amador e Daniel, os obreiros do naval de Ferrol asasinados pola policía fascista nunha manifestación en 1972.

A mocidade irmandiña non podemos máis que sumarnos ás mobilizacións convocadas pola CIG en todo o País, que serven, ademais, como preparación da Folga Xeral do 29 de marzo, que debe ser un éxito da clase traballadora para deter nas rúas a reforma laboral do PP.
 
  • Vigo: Ás 20h. desde Via Norte
  • Corunha: Ás 12h desde a Praza de Vigo
  • Ponte Vedra: Ás 19h desde a Praza da Ferraria
  • Ferrol: Ás 13h desde a Avenida de Esteiro (local da CIG)
  • Compostela: Ás 12:30h desde a Praza Roxa
  • Lugo: Ás 12h desde a Ronda da Muralla (local da CIG)
  • Ourense: Ás 12h desde o pavillón dos Remédios
  • Vilagarcia: Ás 20h na Casa do Mar

05/03/12

11 de marzo: mulleres galegas en loita polos nosos dereitos!


O 8 de marzo conmemórase o Día Internacional das Mulleres Traballadoras, dende que en 1910 na Segunda Conferencia de Mulleres Socialistas se acordase establecer nesta data. [Tedes cumprida información sobre a orixe do 8 de marzo no Álbum de mulleres de Cultura Galega].

Esta ano, na Galiza, a celebración enmárcase nun contexto de agresións aos dereitos das mulleres que o feminismo galego quere denunciar cunha manifestación nacional o domingo, 11 de marzo, co lema "Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos!".

As mulleres irmandiñas sumámonos aos actos reivindicativos desta campaña e apoiamos a manifestación do 11 de marzo en Compostela. Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos!

* Máis info da campaña en Marcha Mundial das Mulleres ::: Galiza e Sindicato Labrego Galego, onde podes ler o manifesto.


03/03/12

O espolio da Galiza.

Xosé Manuel Beiras 3/3/2012
Publicado en Galicia Hoxe

Para Tano, meu amigo.

Hai nada menos ca tres decenios -no vindeiro mes de xullo fará esactamente trinta anos- escribira eu un artigo que daquela titulara "A espoliación de Galiza" e dedicara ao meu entrañábel amigo Luis Mariño cun enigmático envío que dicía: "a conta dunha débeda". A débeda consistía no compromiso que pouco antes contraera con il de escribir un libro rotulado precisamente con aquil mesmo título. Mais, xusto a seguida, encerelleime nunha actividade política a cada pouco máis frenética e absorvente, e o proxecto da obra comprometida foi sucesivamente adiado: o bó do Luis finaría anos máis tarde sen que a miña débeda fose saldada. Nen tampouco despois. Porén, a idea matriz ficara enunciada xa daquela nesta rotunda aseveración: "a historia de Galiza, dende o amencer da Idade Moderna, é a dunha sociedade na que se frustrou o desenrolo burgués autóctono; e a realidade contemporánea de Galiza é a dunha economía periférica que padece, á maneira dunha colonia interior, a dinámica do desenrolo desigual do capitalismo no ámbito do Estado español. A dinámica, en suma, no pasado e máis tamén no presente, da espoliación. Espoliación e vaciado do seu contido demográfico e máis da sua substancia económica".


Non volvera reler aquil meu vello artigo dende hai ben tempo, nen sequer cando Fernán-Vello reeditou o volume de ensaios no que fora incluído, e até acabei por esquencelo. Mais o tema non deixara de remoer intermitentemente no meu caletre ao longo destes anos todos. Hai poucos días, nunha madrugada insomne, retornou outravolta ao meu maxín, desta vez ostensíbelmente reformulado nunha transposición a clave política. Collín un anaco de papel xa impreso por unha cara e, sobre a outra, tracexei un deseño esquemático de enxoitos enunciados, a xeito de guión sumario da esculca diagnóstica que seguramente nunca levarei a cabo, abofé. Hoxe si que relín o meu artigo de hai tres decenios, e sorrin por dentro ao percibir o contraste do seu contido co esquema de apontamentos esbozado estoutra noite: como se o meu caletre, cismando subconscientemente arredor do asunto durante o tempo transcorrido, tivese chegado pola súa conta a unha fórmula simplificada como solución conclusiva do problema, e me botase en cara non ter sido quen de acadala eu. Velaeiquí.

O vello Portomarín, asulagado polo encoro de Belesar, construído en 1962, que rematou cos problemas de apagóns en Madrid.
Como premisa subxacente, ou sexa non esplicitada no meu esquema -aínda que a esplicite agora por obvias razóns de comprensión do enfoque adoptado- parto da tese de que os problemas cardinais que plantexa a patoloxía económica, social e cultural da Galiza son, en canto tais, de índole política. Quero dicir que as doenzas que padece a nosa realidade económica non resultan problemáticas en si mesmas, poisque están correctamente diagnosticadas e pronosticadas -e outro tanto acontece coas sociais e as culturais. A sua problematicidade sitúase no nível da política: o problema está na adopción das decisións políticas indispensábeis para pórmos en prática as terapias acaídas para a curación desas doenzas. Dito doutro xeito: o problema estriba en criarmos as condicións políticas necesarias para erradicar os tangaraños que tollen o corpo e o esprito da nosa sociedade nos tres níveis da sua estrutura: base real, instancia ideolóxico-cultural e aparello xurídico-político.

Establecida esa premisa, eu enuncio os que considero seren hoxendía os problemas políticos cardinais do noso país -que, en simplificación se cadra abusiva, estimo teren unha matriz común no fenómeno xenérico do espólio, do cal constitúen manifestacións específicas. Eses problemas cardinais son os seis seguintes: 1. o espólio enerxético. 2. o espólio financeiro. 3. o exterminio do campesiñado. 4. a expatriación forzosa das xeracións mozas. 5. o etnocidio. 6. o ecocidio. Se os considero cardinais, iso quer dicir que os demáis problemas son consecuencia deses seis, ou teñen niles as suas raiceiras. Ou se o preferides, na perspeitiva inversa: nesa meia ducia de fenómenos radica, ao meu ver, a causación orixinaria da constelación de doenzas que dá feitío á nosa patoloxía social.

Desenvolver argumentalmente o contido deses seis lacónicos enunciados suporía, madia leva, abordar un longo relato que, se acaso o deu elaborado o meu caletre, faríao, como vos dixen, pola sua conta e sen transferirllo á miña consciencia, así que non volo podo contar. Mais podo, iso si, facervos partícipes dalgunhas breves consideracións aclaratorias ao respeito, e máis tamén dun par de lacónicas conclusións.

Se ben reparades, os seis problemas cardinais eiquí enunciados cadran con outros tantos fenómenos característicos da acción depredadora do actual sistema-mundo na sua periferia 'subdesenvolvida', e constituen manifestacións específicas da patoloxía xenuina dunha síndrome neo-colonial: da caste de acción agresiva que Arrighi denominara 'destrución destrutiva', en irónica réplica á 'destrución criativa' que Schumpeter identificara como dinámica xenuina do capitalismo. Cada unha desas seis agresións atinxe a un elemento cardinal da dinámica estrutural do noso país, en canto sociedade ou formación social e en canto povo con identidade nacional de seu. Tres delas inciden direitamente no potencial das forzas produtivas -recursos naturais, capital-diñeiro e forza de traballo- provocando o que Amin denominara 'extraversión' da nosa base económica e do seu desenvolvemento. Unha outra amputa brutalmente o espazo non-capitalista da nosa base económica e transtroca aberrantemente a estrutura de clases da nosa formación social, con desastrosos 'efectos colaterais' asimesmo nos planos antropolóxico-cultural e meioambiental: o exterminio do campesiñado -no que tácitamente inclúo á Galiza mariñeira- supón non só a extinción dunha clase social senón tamén a destrución dunha forma de 'agricultura' sustentábel, o esborrallamento dunha inestimábel cultura ancestral e o grave deterioro dun complexo e sensibilísimo ecosistema. Precisamente a quinta e sesta das agresións arriba enunciadas -e denunciadas- abranxen no seu impacto a cadansúa desas duas últimas esferas como conxuntos estruturados: a das nosas expresións culturais identitarias xenuinas -tanto 'populares' coma 'cultas'- e a sua recriación e máis a do equilibrio meioambiental dos nosos ecosistemas e a sua reprodución e rexeneración -e por iso emprego, a mantenta, os vocábulos 'etnocidio' e 'ecocidio', ben consciente do contido semántico deses dous significantes. Compre engadir que, cinxíndonos só ao período estritamente contemporáneo da nosa historia, todos e cada ún deses seis fenómenos levan máis de meio século a se produciren, en constante proceso de agravación, aumento de dimensión, reduplicación e acción combinada. Espólio como andacio endémico, xa que logo. Espólio de recursos, espólio da formación de capital, espólio dos espazos e formas de economía sustentábel preexistentes, espólio do potencial demográfico e da xeración de forza de traballo, espólio da nosa cultura xenuina, espólio do noso sistema ecolóxico e meioambiental. Espólio da Galiza, en suma.

Só me resta, por hoxe, arriscarme a enunciar lacónicamente duas rotundas aseveracións conclusivas. A primeira é que o rexime autonómico instaurado hai tamén esactamente tres decenios resultou perfeitamente inútel fronte a esas agresións espoliadoras, e mesmo está a ser subvertido e utilizado arestora 'contra natura' para agravar eses problemas cardinais e tornalos insolúbeis. A segunda é que, polo de agora, o nacionalismo foi derrotado no seu combate por impedir esas agresións e resolver eses problemas cardinais. Fomos derrotad@s. Comprirá analisarmos por qué, para rearmármonos con novo instrumental máis eficiente e reformularmos certeiramente tanto a estratexia de combate como a metodoloxía de traballo para a nosa prática social e política. Para darmos cabo, como povo, do espólio da nosa nación.

Aguiar, 29 de febreiro do 2012.