11/06/12

Asemblea Constituínte da Mocidade Irmandiña (7 de xullo).


O 7 de xullo de 2012 celébrase en Compostela a Asemblea Nacional Constituínte da Mocidade Irmandiña (con blogue informativo propio: http://asembleadamocidadeirmandinha.wordpress.com/), co obxectivo de reforzar a organización da mocidade do Encontro Irmandiño como ferramenta – non como fin en si mesmo – para a consecución da soberanía nacional e social do noso pobo, para procurar un sistema máis xusto, igualitario, participativo, respectuoso coas características nacionais dos pobos e coa vontade de traballar a prol do progreso social e non de chuchar da política en beneficio propio.
 
Así, celebramos unha asemblea aberta, na que poderán participar con voz e sen voto todas as persoas que o desexen, e abrimos un periodo de afiliación ao Encontro Irmandiño para poder participar nesta asemblea con plenos dereitos (ata o 28 de xuño; información en mocidade@encontroirmandinho.org).

Este noso reforzo organizativo quere contrubuír a:

1- a colaboración entre todas as organizacións xuvenís nacionalistas e toda a mocidade interesada en organizármonos para combater este sistema depredador e acadar unha Galiza ceibe nun mundo xusto.

2- á creación dunha nova organización de carácter asembleario, aberto e plural, de integración individual e organización territorial, con vocación de continuidade na acción social, de carácter nacionalista, expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma.

Por iso, a mocidade irmandiña está a participar activamente nas asembleas por un novo proxecto común e fai un chamamento á mocidade galega para integrarse nelas como cidadanía activa e crítica para construír todas as persoas en igualdade un instrumento político útil para a maioría social.

No convencemento de que estamos nun cambio histórico, cremos que debemos tecer hoxe a política do mañá para liberármonos dos distintos mecanismos de dominio que nos esmagan.

Galiza, xuño de 2012.

ASEMBLEA DE MOCIDADE IRMANDIÑA

10/06/12

Os banqueiros si que viven por riba das nosas posibilidades: que marchen todos e devolvan o roubado.

Ao buraco negro en que se converteu o sistema financeiro español xa se levan destinado 50.000 millóns de € en axudas directas, 150.000 millóns incluíndo os avais e non se sabe canto se contamos o financiamento indirecto pagándolles a débeda pública ao 4 ou o 6% e fornecéndolles “barra libre” ao 1% no BCE.

Até o momento o sistema financeiro é un “Forum Filatélico” multiplicado por trinta ou por sesenta. Non se sabe ben. Nas caixas fortes e nos balances onde tiña que haber valor había papeliños. Pero como os gobernos din que non poden quebrar porque son moi grandes, estánllelos cambiando por cartos públicos.

A nacionalización da débeda dos bancos coas lóxicas consecuencias na economía produtiva xa fixo que a débeda pública sobre o PIB pasase do 40 ao 68,5% nos últimos tres anos malia os recortes en todo o que ten que ver co benestar da cidadanía e o seu futuro: emprego, salarios, pensións, sanidade, servizos públicos, ensino e investigación.

Hoxe acabamos de saber do acordo dun rescate por 100.000 millóns de euros do que aínda se descoñece os novos recortes que o acompañan pero do que xa sabemos que os cartos son para os banqueiros e a débeda para o Estado.

Para os gobernantes e os banqueiros son so cifras que aos cidadáns do común nos marean pero se reparamos en que do que están levando os banqueiros, os recortes na sanidade son só unha faragulla, poderemos comprender a magnitude do espolio e as consecuencias. Unha faragulla para os banqueiros pero que axiña se transformará en sufrimento, enfermidade e mortes.

Onde está a Fiscalía Xeral do Estado?

A denuncia presentada pola CIG e ELA “perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo, contra os ex presidentes do Goberno José María Aznar, José Luís Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy; os ex ministros de Economía Rodrigo Rato, Pedro Solbes e Elena Salgado; os ex gobernadores do Banco de España Jaime Caruana e Miguel Ángel Fernández Ordóñez e os administradores e xestores das caixas de aforro e entidades financeiras pola súa responsabilidade na crise, pola súa xestión e polas graves consecuencias que tiveron as medidas adoptadas para o conxunto da poboación”, pode que non teña consecuencias prácticas pero se así for, deixará ao descuberto que as leis e xuíces non serven para nos protexer se os delincuentes son suficientemente grandes e poderosos.

03/06/12

Reunión de coordinación de Asembleas.

Foto: NPC Val Miñor.

Representantes de 43 asembleas por un Novo Proxecto Común, entre asembleas locais e comarcais de todo o País, concordaron hoxe en facer público o seguinte manifesto enviado aos medios de comunicación por Antonio Araúxo Quintas da Asemblea Nacionalista de Val Miñor.

O manifesto e outras propostas someteranse ás asembleas locais que ademais poderán elixir quen os ha representar na Coordinadora Provisoria de Asembleas que se reunirá o sábado día 16 para, entre outras cousas, fixar o día da Asemblea Nacional Constituínte que se prevé celebrar no prazo aproximado dun mes.

MANIFESTO
Foto: NPC Val Miñor.

POÑENDO OS ALICERCES

As persoas que en representación das asembleas locais ou comarcais, constituídas ou en fase de constitución, por un Novo Proxecto Común, integradas por persoas a título individual e que acollen unha pluralidade de visións da nación dos galegos/as reunidas o 2 de xuño en réxime de autoconvocatoria

MANIFESTAMOS

1º. - A nosa vontade de traballar pola creación dunha nova organización de carácter asembleario, aberto e plural, de integración individual e organización territorial, con vocación de continuidade na acción social, de carácter nacionalista, expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma.

2º. - A nosa vontade de establecer unha coordinación entre as distintas asembleas comarcais ou locais a fin de preparar unha reunión asemblearia de carácter nacional.

3º. - A nosa vontade de participar en futuras convocatorias electorais.

Teo 2 de xuño de 2012